Bibliotecas virtuais galegas. A literatura na rede

Cada vez son máis as webs galegas ou de fóra que poñen en liña obras de interese para os lectores e lectoras de Galicia. Aquí soamente imos presentar unha selección das que realmente funcionan como bibliotecas virtuais, permitíndonos consultar o texto de moitas obras –non só libros, tamén xornais– e en moitos casos descargalas para o noso ordenador ou calquera outro dispositivo dixital que nos permita lelas.

Autores Galegos.  autoresgalegos.org
Portal da Consellería de Cultura que achega case 50.000 páxinas dixitalizadas de autoras e autores galegos nacidos antes de 1800: hai obras de Paulo Orosio ou de Idacio, de frei Martiño Sarmiento, de Luis Marcelino Pereira ou de Francisco Xavier Somoza de Monsoriu.

Biblioteca Dixital de Galicia. csbg.org bibliotecadixital/asp/index.asp

Dependente do Centro Superior Bibliográfico de Galicia da Consellería de Cultura. Só están activos o apartado de cartografía –varios centos de mapas de Galicia ou de zonas da comunidade– e o de prensa –no que hai reproducións de páxinas de máis de cen cabeceiras de prensa galegas que xa non se editan hoxe en día–, existindo ademais un acceso directo á web www.autoresgalegos.org.

Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego. bivir.com
O proxecto da Asociación de Tradutores Galegos permítenos ler traducións de máis de cen obras como A máquina do tempo de Herbert George Wells ou A lenda de Sleepy Hollow, de Washington Irving.

Biblioteca Virtual Galega. bvg.udc.es
Está aloxada nos servidores da Universidade da Coruña e achega obras completas e fragmentos en formato textual, imaxe (reproducións fotográficas das páxinas), audio e audiovisual, así como biografías. Hai máis de 1.400 documentos, desde textos completos de descarga libre a fragmentos de libros clásicos e contemporáneos, como os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro ou as Cousas da Vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Centro Ramón Piñeiro. cirp.es
A web do compostelán Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten un apartado de recursos en liña cun Diccionario de termos literarios e os Informes de literatura para baixar, así como bases de datos en liña de libre acceso que inclúen milleiros de documentos textuais: MedDB, base de datos da lírica profana galego-portuguesa; Bilega, bibliografía informatizada da lingua galega; Corga, corpus de referencia do galego actual do que existen dúas versións, para as cales se dixitalizaron libros e textos galegos e Codolga (Corpus documentale latinum gallaeciae).

Culturagalega.org. culturagalega.org
Dispón de case douscentos documentos para descargar. Atopamos desde libros de historia como Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico de Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra e Rubén D. Álvarez Asorey ata libros sobre o medio natural coma A natureza ameazada, en edición de Ernesto Viéitez Cortizo e José Manuel Rey Salgado.

Galilibros. http://gl.wikibooks.org/wiki/Portada
Un dos proxectos nacidos ó abeiro da coñecida enciclopedia en liña Wikipedia (www.wikipedia.org). Aquí, os libros están deseñados para consultar en liña e teñen sobre todo contido práctico. Hai só 28 documentos, entre eles un Curso de lingua galega e Alemán. Manual de lingua alemá. Proxectos irmáns son a enciclopedia galega en liña Galipedia (http://gl.wikipedia.org) e o dicionario galego en liña Galizionario (http://gl.wiktionary.org).

Instituto da Lingua Galega. http://www.usc.es/ilgas
Ten en liña o Tesouro Informatizado da Lingua Galega (http://www.ti.usc.es/TILG) e o Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega, que está aloxado na web do Centro Ramón Piñeiro (http://www.cirp.es). Os textos incluídos no primeiro son ó redor de 1.500, están escritos en lingua galega, e van “desde o Soneto de Pedro Bázquez de Neyra recollido na Relación de las exequias que hizo la Real Audiencia del Reyno de Galiçia a la Magestad de la Reina Dª Margarita de Austria nra. Señora, de 1612, ata a actualidade”, segundo se informa na propia web. Aquí non podemos consultar un libro completo, pero si saber en que páxina e en que liña dunha obra das que están dixitalizadas aparece unha palabra ou palabras, o que pode ser de axuda á hora de buscar información dun tema determinado. O Tesouro Medieval permite consultar a presenza de determinada palabra ou palabras na documentación medieval dixitalizada.

Real Academia Galega. realacademiagalega.org
A centenaria institución con sede na Coruña dispón de tres apartados na súa web desde os que se poden descargar documentos: biblioteca virtual, hemeroteca virtual e publicacións. Na biblioteca virtual podemos consultar polo de agora 25 obras, como o Cantigueiro popular de Marcial Valladares ou A tecedeira de Bonaval, de Antonio López Ferreiro. No apartado de publicacións podemos ler algúns discursos de entrada de novos académicos.

As tres universidades
http://www.udc.es/
http://www.usc.es/
http://www.uvigo.es/
As tres universidades galegas –A Coruña, Santiago e Vigo– contan con nas súas webs con libros dixitalizados de produción propia, ademais de acceso a coleccións virtuais internacionais de carácter científico ou técnico. De especial interese: a Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago (http://busc.usc.es) ten no seu sitio en internet á disposición dos internautas o catálogo das súas bibliotecas físicas e máis de mil volumes e documentos dixitalizados.